2500 persoas pasaron pola Oficina de Turismo de Ribeira durante a tempada de verán

RIBEIRA> Balance moi satisfactorio da concellería de Turismo de Ribeira no que respecta á campaña de verán. Preto de 2500 persoas pasaron pola oficina do Malecón dende mediados de xuño ata mediados de setembro. Hai que engadir a estas cifras, as numerosas consultas telefónicas.

Visitantes nacionais aloxados en vivendas turísticas. Este é o perfil maioritario dos turistas que este verán optaron por Ribeira como destino vacacional. Así se desprende dos datos da oficina de turismo a través das preto de 2500 visitas presenciais rexistradas durante a tempada de verán. Aínda que a procedencia segue a ser maioritariamente de Galicia e doutras comunidades autónomas como Madrid ou País Vasco, destaca tamén un incremento progresivo de visitantes doutros países como Francia, Alemania, Bélxica e Portugal.

A nota negativa refírese ó servizo de transporte público no que se centran a maior parte das queixas referidas á escaseza de frecuencias e incumprimentos horarios.

A estadía media é de 3 a 7 días e o motivo principal das consultas ten que ver coas festas, actividades culturais e o patrimonio natural destacando Sálvora como principal reclamo.