A Xunta require nova documentación a Ravella para tramitar o PXOM

    VILAGARCÍA> O concello de Vilagarcía asegura que o PXOM avanza na súa tramitación. Dende Ravella negan que a Xunta rexeitara o borrador, e explican que o goberno autonómico unicamente solicitou nova documentación. Uns papeis que aínda non puideron remitirse, debido ás dificultades derivadas da situación que atravesa a empresa encargada de redactar o plan. O goberno de Vilagarcía nega que a Xunta rexeitara o borrador do PXOM. Si recoñecen que o executivo autonómico fixo un requirimento de nova documentación. Un trámite que, aseguran, é habitual. A edil de Urbanismo defende o traballo realizado polo actual executivo. Non así a xestión de Tomás Fole, á que responsabiliza da tardanza do plan. Agora, dende Ravella están en conversas coa empresa encargada da redacción do PXOM, que hai uns meses foi comprada por un grupo chinés. Unhas dificultades internas que se reflicten na tramitación do plan. O que si aseguran é que este retraso na entrega da documentación requirida non vai afectar á aprobación, ou non, do borrador proposto como PXOM de Vilagarcía. Segundo explicou Paola María, hai preto doutros 16 concellos galegos que están a padecer estes retrasos, provocados polas dificultades internas da empresa encargada da redacción.