O executivo muradán pide unha actuación urxente no colexio de Esteiro

    MUROS> A alcaldesa, Caridad González, xa advertiu en varias ocasións á consellería de Educacións dos problemas que presenta o centro educativo, e está a espera de que se dea unha solución urxente. O colexio Ricardo Tobío de Esteiro vén padecendo dende hai tempo graves deficiencias, a maioría delas concéntranse na cuberta do edificio. Dende o concello muradán apuntan á necesidade de realizar unha actuación integral que solucione dunha vez por todas os problemas de filtracións de auga e humidades que afectan a un centro xa demasiado antigo. Segundo a propia rexedora, Caridad González, a situación está xa a condicionar ós rapaces que acoden a diario ó colexio, que mesmo deben convivir con caldeiros e cartóns. Estes días de chuvia e temporal a situación complícase aínda máis porque o desenvolvemento normal da actividade lectiva nalgunhas clases vese afectada.