Ravella asegura que fixo todo o que estaba na súa man para que a Festa da Ameixa fose un éxito

VILAGARCÍA> A voltas coa Festa da Ameixa. O Concello de Vilagarcía pídelle ó patrón maior de Carril que reconsidere a súa postura, despois de que onte acusase ó goberno local de boicotea-lo evento. Dende Ravella apuntan que sen os medios municipais facilitados polo concello a cita gastronómica non se podería ter celebrado. Insisten, ademais, en que o desplante ó alcalde, que por primeira vez na historia da festa non presidiu o acto, é unha falta de respecto ós veciños de Vilagarcía.

As críticas do patrón maior de Carril non gustaron nada ó equipo de goberno de Vilagarcía. O executivo local pídelle ó principal responsable da Festa da Ameixa que troque a súa actitude e que non trate de inimigos a aqueles que están a colaborar co evento.

Dende Ravella non entenden como José Luis Villanueva os pode acusar de boicot cando, segundo din, festa non se podería ter celebrado sen os medios municipais e un equipo humano de máis de 30 persoas. Con todo, dende o Concello recoñecen certas carencias motivadas, segundo explican, pola improvisación de última hora da organización da festa.

A voceira do goberno local amosou o seu malestar pola decisión da organización de que non fose o alcalde o encargado de presidi-lo acto da Orde da Ameixa. Cunha copia dos estatutos na man, leu o artigo 10 onde se recolle que o Cultivador Maior será o alcalde da cidade, algo que non ocorreu este ano, por vez primeira na historia da festa. Dende Ravella, ademais, apuntan a que non se respectou o protocolo propio dun evento deste tipo.

Para o Concello, Villanueva amosa unha mala actitude dende o incidente da París de Noia no paseo da Compostela na edición do ano pasado. A mostra máis recente, din, foi a presentación da propia solucitude de autorización da celebración da festa deste ano, que entrou no rexistro municipal o pasado venres ás 12:53 do mediodía, a pouco máis dunha hora para que o Concello pechase as súas portas.

Insisten que dende o Concello houbo, en todo momento, un total e absoluto empeño para que a festa fose un éxito. Por último Ravella fai un chamamento para que na edición do 2019 da Festa, para que as amexias e non as polémicas sexan os protagonistas.