O Salnés presume do seu primeiro aceite de oliva

SANXENXO> Os aceites do país foron os grandes protagonistas este venres en Sanxenxo. O Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade acolleu a quinta cata degustación de aceites de oliva virxe extra elaborados en Galicia. Unha xornada que serviu tamén para a posta de longo de Saraiba, o primeiro aceite elaborado na comarca do Salnés.

Os aceites galegos volveron reclamar o seu espazo no Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade. As súas instalacións en Sanxenxo acolleron este vernes a quinta edición da cata degustación de aceites de oliva virxe extra elaborados no país.

A edición deste ano serviu ademais para a presentación oficial de Saraiba, o primeiro aceite do Salnés.

Galicia dende hai uns anos está a gañar peso dentro da produción de aceites. Unha terra que, aínda que moitos non o saiban, sempre tivo vínculo con esta produción. Agora permite abrir novas oportunidades de negocio, ademais, en distintos puntos do territorio. Un ano máis Ouro de Quiroga volveu participar na xornada. Trátase da primeira empresa que se preocupou por recuperar as variedades autóctonas galegas, hai xa doce anos.

A xornada rematou cun showcooking no que os asistentes puideron gozar das elaboracións preparadas polo obradoiro de hostalería, nas que os aceites das almazaras participantes foron protagonistas de principio a fin.