O PSOE de Boiro pide medidas para a atención da emerxencia social

    BOIRO> As políticas sociais seguen a enfrontar a goberno e oposición en Boiro. O PSOE insiste nas dificultades que están a pasar numerosas familias do municipio, como a que denunciaba hai uns días que lle fora denegada a axuda do Fondo de Emerxencia Social. Por esta razón, reclama a posta en marcha de programas a través de servizos sociais para garantir a cobertura das necesidades básicas. Despois de que o goberno de Boiro explicase os motivos da denegación da axuda a esta familia de Sandrenzo, posto que superaban os ingresos mínimos requiridos, os socialistas volven denunciar a situación de desamparo destes e doutros moitos veciños do municipio. Insisten en que o límite dos ingresos non é un criterio obxectivo para denegar a prestación económica xa que inflúen outros factores. Dende o PSOE instan ó executivo a poñer en marcha mecanismos de axuda para as persoas máis necesitadas como o comedor social ou as campañas de recollida de alimentos en colaboración cos supermercados. Consideran que as medidas adoptadas polo executivo, como o reparto do excedente das comidas dos comedores escolares, non son suficientes polo que é preciso unha solución integral para garantir a calidade de vida destas familias.