A POBRA> Detidas catro persoas en Boiro e A Pobra, no marco da Operación Arantes, desenvolvida polo Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga da Garda Civil. Con este operativo, o instituto armado considera desartellado o Clan dos Fanchos que introducía cocaína nas costas do Barbanza.
Hai tempo que a Garda Civil puxo en marcha a operación Arantes ó detectar un incremento do tráfico de drogas na comarca do Barbanza. Os organizadores introducían a droga por vía marítima a través de embarcacións lixeiras de gran velocidade. Os axentes dirixiron entón as súas miradas cara o clan dos Fanchos vinculado dende sempre ó tráfico de drogas.
No mes de maio os familiares dun dos membros do clan denunciaron a súa desaparición tras saír na lancha e permanecer en paradoiro descoñecido durante máis de trinta horas. Finalmente, a embarcación regresou a terra e atracou no prot do Pindo onde xa agardaba a Garda Civil que procedeu a identificar a dous membros do clan e un cidadán de orixe búlgara, Aínda que non acharon droga, constataron que lancha tiña dobre fondo e que os tripulantes non portaban aparellos de pesca que xustificase a súa saída ó mar.
Dende entón, os axentes intensificaron a vixilancia ata que o pasado 14 de novembro frustraron unha descarga de dezaoito quilos de cocaína nas inmediacións da praia da Corna en Palmeira. trala detención dos implicados, procedeuse ó rexistro dos seus domicilios e da embarcación, onde se incautaron de sofisticados medios de comunicación vía satélite.
Os detidos foron postos a disposición do Xulgado de Instrución Número 1 de Ribeira que decretou o seu ingreso en prisión.