Remata sen acordo a reunión polos deslindes entre Poio e Pontevedra

POIO> Sen acordo sobre os lindes de Poio e Pontevedra. Despois de tres horas, a xuntanza rematou como se agardaba, e as comisións de ambos concellos non foron quen de atopar un punto de encontro entre as súas propostas nin coa mediación do Instituto Galego Xeográfico. Agora haberá que agardar ata o informe do ente estatal e ao ditame da Xunta para definir os límites de ambos municipios.

 

O encontro rematou coa sinatura da acta de disconformidade. A principal discrepancia está na zona da Xunqueira de Alba, provocada pola desaparición da Pedra Pinela, tomada como referencia para marcar as divisións dos municipios en 1889. Por iso, dende Pontevedra defenden o deslinde de 1938, marcado pola liña do ferrocarril. 

Pero Poio non acepta esta postura. Eles defenden o do ano 1989, que utiliza como referencia para a división a conca do río Rons, e deixa no municipio a metade da Xunqueira de Alba, a comandancia da Garda Civil e o parque de bombeiros.

A pesares das discrepancias, os representantes de ambos concellos destacaron o bo ambiente que marcou o encontro.

No encontro, tamén estiveron os alcaldes de Barro e Meis. E é que sobre a mesa tamén estaba en discusión os lindes dos catro concellos do lado do Monte Castrove.

Nun mes, as partes terán que enviar á Xunta as súas actas defendendo as súas respectivas posturas. O goberno autonómico enviará esta documentación ao Instituto Xeográfico Nacional que, á súa vez, terá que emitir un informe. Este documento volverá á Xunta, que será a responsable de pór fin a este trámite administrativo.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/05/reunion_deslinde_poio.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/05/reunion_deslinde_poio.mp4{/flowplayer}