Pontevedra celebrará o Día Mundial da Diabetes con deporte, charlas formativas e contacontos

PONTEVEDRA> O próximo 14 de novembro celébrase o Día Mundial da Diabetes. Con motivo desta xornada, Pontevedra acollerá varias actividades: unha Volta a España, a sétima Milla Solidaria Anedia, así como tamén talleres de apoio psicolóxico e contacontos.

Pontevedra unirase o vindeiro 14 de novembro á celebración do Día Mundial da Diabetes. O Concello organizou para esta cita unha ampla programación co obxectivo de dar visibilidade a esta enfermidade. A primeira actividade é a Volta a España pola Diabetes, un evento impulsado pola Fundación Diabetes Cero.

A segunda actividade é unha proba xa tradicional na cidade: a VII Milla Solidaria Anedia. Un evento que se levará a cabo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e que estará restrinxido pola Covid a un máximo de 200 participantes.

A última pata desta celebración centrarase nos máis pequenos. A asociación Anedia desenvolverá charlas formativas para familias con fillos pequenos e levará a cabo un espectáculo de contacontos en tres centros educativos da cidade.

Por último, e co obxectivo de reclamar máis recursos na investigación desta enfermidade, a Fundación Diabetes Cero e Anedia entregarán un manifesto a diversas institucións e administracións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí