Montecelo contará cunha segunda resonancia no 2019

PONTEVEDRA> O hospital de Montecelo contará cunha segunda resonancia magnética en 2019. Esta mañá o conselleiro de sanidade visitaba o hospital pontevedrés para supervisar a fase final da instalación deste novo equipamento. A renovación dos espazos fíxose tendo en conta o proxecto do futuro Gran Montecelo.

A nova resonancia magnética do hospital de Montecelo estará operativa no mes de xaneiro. Nestes momentos estase a desenvolver a fase de instalación e calibrado do equipo, e remodelando o espazo que o acolle. A obra continuará co acondicionamento da sala de informes e a renovación da sala actual de resonancia. Coas dúas funcionando a principios de ano, poderanse diminuír as listas de espera.

O investimento nesta resonancia supera os 900.000 euros. O equipo dispón da última tecnoloxía en antenas dixitais que mellora a calidade de imaxe, permitindo diagnósticos máis precisos e estudos máis rápidos. Tamén está dotada dun imán máis curto para reducir a sensación de claustrofobia e mellorar o confort do paciente, así coma un sistema de guiado por voz para indicar ó usuario as fases do estudo e as pautas a seguir durante a proba.

Sobre o futuro complexo hospitalario o conselleiro de sanidade explicou que están traballando para que se poida manter o compromiso de licitar as obras o vindeiro ano.