Lores asegura que mellorará a calidade do servizo de recollida de lixo

PONTEVEDRA> Da compostaxe tamén falou esta mañá o alcalde de Pontevedra. O fixo nun almorzo informativo coa prensa local. Nel, Miguel Anxo Fernández Lores valorou o inicio do curso político. O modelo de cidade, o programa Efecto PO2 e o servizo de recollida de lixo foron os tres eixes principais da súa análise.

Miguel Anxo Fernández Lores quixo almorzar esta mañá coa prensa local para facer unha valoración deste inicio de mandato. Un mandato marcado, segundo o alcalde, pola ilusión de todos os membros do goberno local. Neste encontro, o Efecto PO2, o modelo de cidade, a mellora da xestión da administración local e a recollida de lixo ocuparon a meirande parte do seu discurso. Sobre este último asunto, Lores asegurou que se tomarán medidas para mellorar a calidade do servizo.

Neste eido, o alcalde tamén quixo falar da proposta dos populares de implantar o servizo de recollida porta a porta. Un servizo que está instalado en cidades como Oviedo e co que Lores non está moi de acordo.

Miguel Anxo Fernández Lores tamén valorou unha das últimas medidas anunciadas polo goberno municipal en relación con modelo de cidade. A decisión de reducir a 10km/h a velocidade dos vehículos nas rúas de plataforma única.

En canto o modelo económico, o alcalde cre que o goberno municipal está a traballar ao máximo para tratar de incrementar o emprego na cidade e recorda que Pontevedra é un referente neste eido grazas a celebración de eventos como Culturgal, Etiqueta Negra ou a Sétima Feira.

Lores está convencido de que aínda se pode mellorar moito máis en todos estes asuntos pero cre que no goberno municipal hai unha boa sintonía e unha boa base para facelo. Ademais, o voceiro nacionalista asegura que dende o Concello seguirán implantando modelos vangardistas que melloren a calidade de vida dos cidadáns.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí