Rianxo amplía o servizo de información turística con tres profesionais

    RIANXO> O concello de Rianxo reforzará este verán o servizo de atención turística coa contratación de tres informadores, dous a media xornada e un a xornada completa. A incorporación de máis persoal permitirá manter abertos tódolos museos ata o quince de setembro en horario de mañá e tarde. As subvencións procedentes da Xunta e da Deputación da Coruña fixeron posible a contratación dos tres informadores turísticos que ó longo de todo o verán prestarán os seus servizos ós visitantes que se acheguen ata Rianxo. Ademais das visitas guiadas nos museos desenvolverán rutas turísticas polos enclaves de maior interese do municipio. A maiores, o concello de de Rianxo será base do Galeón Evangelina, recentemente restaurado nos asteleiros Catoira, no que tamén se poderán realizar percorridos pola ría. A ciencia tamén estará presente na programación estival de Rianxo cunhas xornadas divulgativas que arrancarán cunha charla sobre o mexillón e que terán continuidade ata final de ano. Toda a oferta cultural e de lecer complementarase co turismo de praia. O concello traballa xa na posta a punto dos areais aínda que quedarán pendentes algunhas actuacións como a construción duns baños accesibles en Tanxil, pendente dunha subvención da Xunta.