A oposición desbota a modificación do acordo plenario sobre Lantero

    VILAGARCÍA> Vilagarcía reaviva o debate sobre o convenio de Lantero. Este mediodía os voceiros da corporación foron convocados a un encontro co alcalde para valorar a situación actual da empresa. Para Tomás Fole, é importante decidir os pasos a seguir para dar cumprimento ao acordo plenario sobre a recualificación dos antigos terreos da empresa.

     

    Para o alcalde, a fin do conflito de Lantero abre un novo escenario.

    En xaneiro, a corporación adoptaba por unanimidade a decisión de bloquear a recualificación dos terreos da antiga fábrica de Rosalía de Castro, namentres a compañía non garantira o emprego. Unha decisión que hai dous días a cartoneira suxería revisar.

    Fole negou calquera contacto da dirección para mudar o acordo plenario, aínda que na xuntanza de hoxe plantexou a posibilidade de modificalo.

    Os grupos da oposición son partidarios de non tomar unha decisión inmediata. Os socialistas, de feito, insisten en que calquera determinación debería tomala o goberno que saíra das urnas en maio ou no momento no que se revise o plan xeral. Para Esquerda Unida, tampouco é o momento.

    Pola súa banda, Fole xustifica a urxencia da convocatoria nos prazos do funcionamento do concello. Ao non acadar un acordo coa oposición, o asunto Lantero non figurará no vindeiro pleno.

    Sobre o seu encontro coa dirección de Lantero o pasado venres, Fole negou que se fixera de xeito clandestino e defendeu que estaba dando cumprimento ao acordo da comisión, que o responsabilizara dos contactos coa empresa.

    A intención do rexedor vilagarcián é convocar nos vindeiros días a comisión de seguimento de Lantero, para coñecer da man do comité de empresa os termos que puxeron fin ao conflito e a súa opinión sobre se consideran necesario modificar o acordo plenario.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/13/fole_convenio_lantero.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/13/fole_convenio_lantero.mp4{/flowplayer}