MEAÑO> Alberto Núñez Feijóo traslada o seu apoio ao sector do viño de Rías Baixas. O presidente do PP visitou a adega Paco&Lola en Meaño. Alí, cualificou de ‘inmenso erro’ a política arancelaria de Trump e defendeu un ‘alivio fiscal’ para as adegas que se poidan ver afectadas se finalmente o presidente dos Estados Unidos cumpre coas súas ameazas. Feijóo defendeu a creación dun tratado de libre comercio entre o país norteamericano e a UE e a creación dun plan de competitividade para a economía española.
Como un ‘inmenso erro’. Así cualifica Alberto Núñez Feijóo a ameaza comercial coa que Donald Trump pode sacudir sectores clave para a economía das Rías Baixas, como o da viticultura. O líder do PP estivo hoxe en Meaño, na adega Paco&Lola, dende onde dixo que o presidente dos Estados Unidos se está a equivocar con esta guerra comercial.
Porque, di Feijóo, isto non beneficia a ninguén, tampouco á economía estadounidense. Propón o popular ir un paso máis alá e non só suprimir os aranceis, senón tamén crear un tratado de libre comercio entre o país norteamericano e os 27 estados da Unión Europea. Carga contra o goberno central ante as súas solucións que, entende, xeran novos enfrontamentos. Di comprender a preocupación no sector do viño, lembrando o 17% das exportacións de Rías Baixas son aos Estados Unidos. Propón un ‘alivio fiscal’ para as adegas.
Pola súa banda, o líder do PPdeG e presidente da Xunta demandou maior implicación do goberno central, salientando a creación por parte do goberno galego dun fondo do que poden botar man as empresas.
Dende a adega cambadesa agradeceron aos populares a visita, salientando que serve tamén para poñer en valor o traballo que aquí se fai.
A cooperativa conmemora neste 2025 o seu vinte aniversario coa implicación de 430 familias.










