O Náutico de Cabo de Cruz contará cunha mariña seca

    BOIRO> O porto de Cabo de Cruz contará cunha mariña seca. A obra, promovida polo Club Náutico, será posible grazas á colaboración da empresa Jealsa. O presidente de Portos de Galicia visitou esta mañá as instalacións do porto deportivo que bateu récord no incremento de tránsitos portuarios. Dende a súa inauguración en 2012 o Club Náutico de Cabo de Cruz non deixa de medrar. Tras conseguir importantes recoñecementos de calidade e converterse nunha escala obrigada para as embarcacións nacionais e internacionais, o próximo paso adiante será a construción dunha mariña seca que permitirá dar servizo ós barcos durante todo o ano. A construción desta nova infraestrutura, da que existía unha importante demanda, será posible grazas ó grupo empresarial Jealsa que financiará a maior parte da obra. Unha vez finalizada, a nova instalación servirá como reclamo a potenciais visitantes que buscan un porto coas condicións que reúne o náutico de Cabo de Cruz, no corazón da ría de Arousa. Precisamente, a aposta polos servizos de calidade traduciuse nun importante incremento de tránsitos internacionais que foi posible grazas ó importante labor de promoción desenvolvido pola administración pública. Portos de Galicia pretende ir agora un paso máis aló coa diversificación dos potenciais visitantes, apostando pola captación de tráfico de catamaráns e ralis. De seguro que a futura mariña seca, que estará lista a mediados de maio, servirá como un reclamo máis para os visitantes que cada ano recalan neste porto barbanzán. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/17/presidenteportoscabodecruz1702151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/17/presidenteportoscabodecruz170215.mp4{/flowplayer}