Preocupación en Aguiño ante o intento de secuestro dunha menor

RIBEIRA> Preocupación na parroquia ribeirense de Aguiño tralo presunto intento de secuestro acontecido a tarde do pasado domingo. Uns descoñecidos abordaron a unha rapaza que camiñaba pola rúa e tentaron introducila nun coche. A aparición dun veciño frustrou o rapto. Ninguén pode crer aínda o acontecido o pasado domingo en Aguiño, unha parroquia tranquila na que non están afeitos a este tipo de sucesos. Todo apunta a que un grupo de homes tentaron raptar a unha moza de dezaseis anos que camiñaba por unha céntrica rúa pasadas as oito da tarde. Foi entón cando un vehículo comezou a reducir a velocidade poñéndose á súa altura. Segundo o relato da menor, un dos ocupantes, de raza negra, apeouse do coche e agarrouna por un brazo intentando introducila no interior. Afortunadamente, a intervención dun veciño que presenciou os feitos logrou disuadir ós presuntos captores e a moza conseguiu escapar. Tras presentar unha denuncia, a nena trata agora de recuperarse deste susto que ten conmocionado a toda a veciñanza. Pola súa banda, a policía investiga os feitos para dar cos presuntos autores e determinar se trata dun intento de secuestro. Co afán de colaborar, os veciños iniciaron tamén unha activa campaña a través das redes sociais buscando testemuñas que puideran presenzar os feitos ou ver un coche sospeitoso pola zona.