O xuíz envia a prisión a dous dos seis detidos pola vaga de roubos en Noia

NOIA> A Garda Civil de Noia detivo a un total de seis persoas, todas elas veciñas desta localidade coma presuntas autoras de alomenos 21 roubos cometidos nas comarcas de Noia e Barbanza, principalmente en negocios de hostalería e vivendas particulares.

Foi no marco da denominada operación ‘Letmovil’, baixo a tutela do xulgado de Instrución Número 1 de Noia.

As investigacións iniciáronse a raíz da vaga de roubos rexistradas nestas dúas comarcas nas últimas semanas, o que estaba a provocar unha certa alarma social entre a veciñanza.

Os axentes do Instituto Armado observaron como había indicios suficientes que denotaban a posible existencia dun grupo organizado que sería o responsable destes feitos.

Froito dun laborioso trabaLlo de campo, a Garda Civil logrou a identificación plena dos integrantes do dito grupo, que ademais resultaron ser todos eles  vellos coñecidos das forzas da orde.

Despois de obter a correspondente autorización xudicial, procedeuse ó rexistro dos seus domicilios, atopando no seu interior numerosos efectos que os relacionaban con roubos investigados.

Ademais da súa detención, os axentes incautáronse dos efectos atopados, así como de dous vehículos que eran empregados pola banda durante os roubos.

Despois de que os seis detidos compareceran no Xulgado, para dous deles o xuíz decretou o seu ingreso en prisión.