O novo mercado ribeirense podería abrir as súas portas antes do verán

    RIBEIRA> O equipo de goberno espera que frutifique a licitación dunha xestión conxunta na que se integren os actuais praceiros. As queixas vertidas por algúns praceiros sobre a mala distribución das novas instalacións e a falla de espazo, das que tamén se fixeron eco varios grupos da oposición, entre eles o BNG, provocou esta visita do alcalde, coa finalidade de dar a coñecer as características do novo edificio. Segundo o propio rexedor trátase dun inmoble versátil, con multiplicidade de funcións, coa idea dunha xestión conxunta, na que se integren os propios praceiros. De non ser así o concello tampouco desbotaría a posibilidade de licitar os usos do edificio planta a planta. Dende o concello confían en que as obras poidan rematar xa este mesmo mes de febreiro, para poder sacar a concurso a xestión do edificio nas próximas semanas coa idea de que puidese entrar a funcionar antes do verán, sempre que o permitan os distintos trámites administrativos pertinentes e necesarios antes da súa apertura.