Ribeira homenaxerá á súa patroa con cinco días de festa

RIBEIRA> Tamén Ribeira estará en festas dende esta fin de semana. Mañá arrancan as celebracións na honra da súa patroa, Santa Uxía, que se prolongarán ata o martes doce de setembro. A inauguración dunha exposición no Centro Cultural Lustres Rivas e unha representación teatral constituirán o mellor arranque para as festas da patroa de Ribeira. O programa de celebracións de Santa Uxía diríxese especialmente ó público familiar con diversos espectáculos para nenos. O día grande será o martes doce, festividade da patroa, con misa solemne e posterior procesión. Ó remate do percorrido polas principais rúas do casco urbano, o adro da igrexa acollerá un encontro de confraternidade cun aperitivo para os parroquiáns. Tanto nesta como no resto das actividades, o concello e a parroquia contan co apoio da asociación de amas de casa que colabora activamente na organización dos festexos.