Rianxo continuará en SOGAMA á espera de adherirse a Serra do Barbanza

    RIANXO> A corporación rianxeira aprobou esta semana en pleno continuar adherido a SOGAMA namentres non se produza a súa integración na Mancomunidade Serra do Barbanza. O acordo foi tomado cos votos a favor do grupo de goberno: BNG e PSOE, e os votos en contra do PP. De momento o concello de Rianxo seguirá integrado en SOGAMA, pero non o fará polo período de tempo de cinco anos que marcan os contratos tipo que a Xunta pretende establecerlle ós concellos que envíen os seus residuos á planta de incineración de Cerceda. O equipo de goberno agarda poder chegar a un acordo co ente autónomo para que se poida romper o contrato no momento no que Rianxo pase a formar parte da Mancomunidade Serra do Barbanza. O que si ten claro o propio alcalde, Adolfo Muíños, é que Rianxo cambiará o seu modelo de xestión do lixo, apostando pola compostaxe como a mellor fórmula para o tratamento dos residuos. Segundo el o cambio non suporá incremento algún para os veciños polo recibo do lixo, e co tempo traerá maiores prestacións para o propio concello. Mentres tanto dende o concello continúan coas negociacións para integrarse en Serra do Barbanza, aínda que sen falar de prazos.