Detidas catro persoas na Pobra acusadas de acometer medio cento de roubos

POBRA> A Garda Civil e a Policía Local detiveron a catro persoas no marco da segunda fase da denominada Operación Calasband. Ó parecer trataríase dos presuntos autores de máis de medio cento de roubos perpetrados na localidade nas últimas semanas.

Froito das investigacións realizadas polos axentes e grazas tamén á colaboración cidadá, a Garda Civil puido deter a un total de catro persoas como supostos autores de máis de cincuenta delitos de roubo. A operación iniciouse a raíz do incremento dos roubos no interior de vehículos, que xa permitira a detención dunha persoa o pasado 7 de febreiro ó ser sorprendida cando intentaba acceder a un vehículo. Nesta ocasión serían tres homes veciños da localidade, e unha muller de Ribeira. Os axentes puideron ademais recuperar parte dos obxectos subtraídos que xa lle foron devoltos ós seus lexítimos propietarios. Tódolos detidos xa pasaron a disposición xudicial, e para tres deles o Xulgado de Instrución Número 2 de Ribeira decretou o seu ingreso en prisión. A investigación segue aberta e non se descartan novas detencións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí