Veciños de Orro demandan a instalación dun paso de peóns na zona

NOIA> Os veciños do lugar de Orro en Noia demandan a instalación dun paso de peóns na zona. Na actualidade non dispoñen de ningunha zona segura para cruzar a estrada que rexistra un grande volume de tráfico posto que constitúe un dos principais accesos a Noia.

Hai máis dunha década que os veciños do lugar de Orro levan denunciando a inseguridade viaria na zona. Tras conseguir a construción de beirarrúas, os residentes demandan a instalación dun paso de peóns que lles permita cruzar a estrada que atravesa este núcleo de poboación situado ás aforas de Noia.

Destacan ademais que moitos dos residentes son de idade avanzada coas consecuentes dificultades para atravesar a estrada se non dispoñen dun paso de seguro.

Recollendo as demandas veciñais, o BNG de Noia insta á execución deste paso que aínda que xa foi concedido pola Xunta de Galicia está pendente de que se acometa unha actuación nas beirarrúas para garantir a accesibilidade.

Os nacionalistas demandan tamén un paso de peóns para a zona de Boa, onde a Consellería non autorizou a súa instalación por tratarse dun treito non urbano que non reúne as condicións de iluminación necesarias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí