PORTO DO SON> Esta semana arrancaba a campaña da sardiña con moi boas expectativa. A recuperación do recurso, froito do plan de xestión conxunto desenvolvido nos últimos anos entre España e Portugal, augura boas capturas para a flota galega.
Os informes científicos do Instituto Español de Oceanografía constatan a recuperación do stock da sardiña ibérica que se atopa no rendemento máximo sostible. A flota galega inicia así unha campaña moi optimista tras cinco anos de limitacións para favorecer a recuperación do caladoiro.
Así, o límite de capturas para este ano supera as 56 mil toneladas, das que a España lle corresponden preto de 19 mil a repartir entre a flota do cantábrico noroeste e do golfo de Cádiz. En canto ós topes diarios establécese un cupo de 2100 quilos para os barcos cun máximo de 8 tripulantes chegando a 3200 para embarcacións con máis traballadores enrolados.