Senta na bancada unha parella acusada de agredir e roubar a un hostaleiro de Vilagarcía

PONTEVEDRA> A xuízo os dous veciños de Vilagarcía acusados de dar unha malleira e roubar a un hostaleiro da vila. Hoxe arrancou a vista coa declaración da parella supostamente responsable, que se lanzaron acusacións cruzadas con versións contraditorias. Para ambos, o fiscal pide 9 anos de prisión polos delitos de roubo con violencia e lesións.

 

O fiscal acusa á parella de cruzar o seu vehículo na estrada para impedir o paso ao coche conducido pola vítima, cando circulaban pola rúa Arealonga de Vilagarcía. O hostaleiro, propietario do bar Nogal, baixou do vehículo, entón ela agarrouno e el comezou a baterlle cun bate. Supostamente, aproveitaron para roubarlle a recadación do día: 2.000 euros que se localizaron na campá estratora da vivenda que compartían.

Este relato dista das declaracións dos acusados. Segundo o home, o encontro coa vítima foi casual, nunha zona estreita na que non cabían ambos vehículos. Recoñeceu a agresión en solitario cun bate, pero asegurou que o fixo por medo porque a muller lle dixera que o hostaleiro levaba unha machada. O que negou foi calquera roubo.

Esta versión contradí a defendida pola outra acusada. A muller culpou ao que fora a súa parella do roubo, defendeu que ela nunca baixara do coche e que fora testemuña da agresión.

A muller apuntou, ademais, que tiña relacións coa vítima, e asegurou que el a mantiña economicamente. O hostaleiro agredido negouno e insistiu en que unicamente a coñecía como clienta do seu bar.

Para a fiscalía, a parella é culpable dos delitos de roubo con violencia e lesións, polo que pide para ambos penas de 9 anos de prisión. Tamén lles reclama unha indemnización para a vítima de 13.500 euros polo tempo de curación e de 212.000 polas lesións ocasionadas.

O xuízo retomarase o xoves coa declaración dos peritos.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/24/xuizo_agresion_hostaleiro_villa.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/24/xuizo_agresion_hostaleiro_villa.mp4{/flowplayer} 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí