As negociacións entre BNG e PSOE en Pontevedra comezarán esta semana

PONTEVEDRA> En Pontevedra, BNG e Partido Socialista comezarán as negociacións para formar goberno esta mesma semana. Aínda non hai data fixada pero ambas formacións xa estableceron os primeiros contactos, despois de que as dúas executivas fixaran posturas a nivel Galicia. Recordemos que a investidura celebrarase o vindeiro 17 de xuño.

Aínda non hai data para que BNG e Partido Socialista senten e inicien as conversas na procura dun novo pacto de goberno. Pero ambas formacións recoñecen que está previsto que comecen esta mesma semana.

Pola banda do BNG, a comisión de negociación estará formada por Eva Vilaverde, César Mosquera e Raimundo González. A formación confía en que a historia de pactos entre nacionalistas e socialistas en Pontevedra facilite chegar a un novo acordo.

En canto ao Partido Socialista, o seu líder recoñecía que esta mañá recibiron a primeira chamada dos nacionalistas para iniciar as conversas.

Sobre os nomes dos interlocutores, Puentes explicou que será a comisión executiva do Partido Socialista de Pontevedra quen decida as persoas que negociarán este novo pacto. A reunión está prevista para mañá.

O líder do PSOE de Pontevedra considera que o 17 de xuño é unha data razoable para ter un acordo de goberno.