A Deputación investiu máis de seiscentos mil euros na Pobra no último ano

    POBRA> A Deputación Provincial da Coruña desenvolveu no último ano importantes actuacións no concello da Pobra do Caramiñal que supuxeron un investimento superior ós seiscentos mil euros. Sen dúbida un dos proxectos máis importantes está a ser a renovación integral do Cine Elma. Diversas aportacións da Deputación coruñesa permitíronlle ó concello da Pobra do Caramiñal poder desenvolver neste último ano importantes actuacións en materia de infraestruturas, cun investimento superior ós seiscentos mil euros. Unha das obras de maior calado está a ser a rehabilitación do antigo Cine Elma. Un proxecto por fases, algunha delas xa concluída, que persegue a recuperación deste inmoble para convertelo en teatro. Un soño do executivo local e de moitos pobrenses que, se todo marcha sobre o previsto, podería estar rematado xa antes do verán. Dende un primeiro momento, a institución provincial apoiou esta importante actuación, conscientes da importancia deste edificio para a localidade. Outra das actuacións sufragadas pola Deputación foi a construción dunha nova praza na zona de Venecia. Incluída no Plan DTC93, supuxo un investimento duns 219 mil euros, dos cales o organismo provincial achegou máis da metade. A actuación supuxo a mellora dun entorno degradado, coa dotación de novas zonas axardinadas e mobiliario urbano, así como a reordenación do tráfico, na que conflúen a residencia de maiores, o centro de saúde e o polideportivo, e onde se porá en servizo en breve o centro de día. A destacar tamén foi a axuda da Deputación da Coruña neste último ano co deporte neste concello, especialmente co remo. Proba diso foi a construción do foso no edificio de Usos Náuticos e a adquisición da nova traíña do Club de Remo Puebla, nas que o organismo provincial investiu máis de 83 mil euros. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/25/depuinvestimentospobra_febreiro1.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/25/depuinvestimentospobra_febreiro.mp4{/flowplayer}