Sorpresa en Arousa sur polas deficiencias de saneamento no norte da ría

    SALNÉS> Preocupación entre os patróns maiores de Arousa pola contaminación que sofre a ría. Onte reuníronse con representantes da Mancomunidade do Salnés para transmitirlles estas inquedanzas e uns e outros saíron abraiados da xuntanza. Mentres a zona sur leva investido millóns de euros en sistemas de saneamento, Arousa Norte está practicamente ‘a caño libre’, en palabras do presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán. Non é a primeira vez que os patróns maiores de Arousa alzan a voz para protestar pola contaminación que sofre a ría e a repercusión que ten nos bancos marisqueiros. Contaminación sobre todo pola chegada de vertidos ó mar. O panorama que se trazou onte nunha reunión que mantiveron con representantes da Mancomunidade do Salnés explicou moitas das causas desa chegada de residuos á ría. Os patróns solicitaran a reunión co ente para expoñerlles as súas inquedanzas, e da xuntanza algúns, como o presidente da Mancomunidade, saíron abraiados. Sorprendidos pola gran desigualdade no que atinxe a saneamento entre as dúas marxes da ría. Di Gonzalo Durán que mentres no Salnés se levan investidos millóns de euros nos últimos anos en mellora de bombeos e estacións depuradoras de augas, na zona norte da ría están practicamente en cueiros. Non o perden de vista os concellos do Barbanza. Boiro e Rianxo levan reiterado a demanda dunha segunda EDAR para os seus municipios xa que as actuais quedaron pequenas. Tamén A Pobra posúe unha estación de tratamento de augas, mentres que Ribeira, o maior dos catro concellos en canto a habitantes, está nestes intres construíndo a EDAR de Couso. Trala xuntanza coa Mancomunidade do Salnés, os patróns solicitirán outra entrevista con representantes de Arousa Norte para conseguir que se forme unha fronte común que encare o problema de contaminación da ría. Na reunión de onte estiveron presente, ademais de Gonzalo Durán, o alcalde de Cambados, e representantes das confrarías de Vilanova, Vilaxoán, O Grove, Cambados, Carril, Cabo da Cruz e A Pobra. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/27/saneamentoarousa2.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/27/SANEAMENTO_RIA_AROUSA.mp4{/flowplayer}