Sanidade recolle mostras en Vilanova

    VILANOVA> Inspectores de sanidade desprazáronse hoxe a Vilanova de Arousa para intentar averiguar que causou a intoxicación á expedición de participantes na Vilagarcía Basket Cup. Os expertos recolleron mostras da comida e da auga que tomaron os máis de 100 afectados, que se reservan o dereito a emprender accións legais. Pola súa banda, a Mancomunidade do Salnés nega que a orixe da intoxicación estivera na auga da traída.

    Á espera de que os inspectores de Sanidade rematen coas súas pesquisas, aínda se descoñece a orixe da intoxicación que afectou esta Semana Santa a 106 persoas dos clubes deportivos de Ponferrada e León. Ambas entidades manifestaron a súa idignación polo sucedido, e resérvanse o dereito a emprender accións legais na procura de responsabilidades.

    Expertos da Consellería de Sanidade desprazáronse hoxe ata o Hotel Hermida 5.000, en Caleiro, para recoller mostras da comida e da auga que consumiu a expedición participante na Vilagarcía Basket Cup. Dende o establecemento, que serviu a cea do xoves e o almorzo e o xantar o venres, non quixeron facer declaracións ata coñecer o informe dos técnicos.

    Si falaron dende a Mancomunidade do Salnés, responsable do abastecemento de auga. Esta mañá, o seu presidente en funcións negaba que a auga da traída puidera ser o foco.

    Durán explicou que a auga sae da depuradora co nivel de cloración máximo permitido por lei, e que se somete a constantes analíticas. Sobre a versión dos pais, que falaban de turbidez na auga, negou que fora detectado ningún problema.

    Dende a organización da Vilagarcía Basket Cup, tampouco se cren responsables. Os rapaces comeron en Fexdega bocadillos servidos por unha empresa contratada pola Consellería do Mar, pero ningún neno enfermou a parte dos que se aloxaron no hotel vilanovés. Os organizadores aseguraron estar tranquilos, e permaneceron en contacto cos clubes dos afectados en todo momento.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/28/intoxicacion_vilanova.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/28/intoxicacion_vilanova.mp4{/flowplayer}