POBRA>Recollendo as demandas da cidadanía, o BNG solicita ó concello que modifique a súa política en materia de seguridade viaria. Piden que se potencia a educación vial en lugar de apostar por medidas coercitivas e sancionadoras. Os nacionalistas levaron ó pleno do mes de xaneiro unha moción relativa ó incremento da seguridade viaria no municipio. Propoñían a mellora da sinalización, limpeza viaria e dotación de beirarrúas e nova regulación dos semáforos. A proposta non saíu adiante xa que o grupo de goberno votou en contra. Algo que non entenden os nacionalistas que critican que o executivo apostara por incrementar as sancións en lugar de promover a concienciación para garantir a seguridade. Dende o BNG poñen en dúbida a legalidade deste método xa que é unha empresa privada a que denuncia, sen presenza dun axente da autoridade no momento da infracción. Fronte a esta política sancionadora, o BNG comprometeuse a incluír no seu programa electoral un plan integral de seguridade viaria no que, ademais de eliminar as barreiras arquitectónicas, se crearán as infraestruturas necesarias para contar con rutas peonís seguras en todo o municipio. Pola súa banda, dende o concello defenderon a política en materia de tráfico impulsada nos últimos meses que está a ter como resultado unha importante redución da sinistralidade. O alcalde aclarou que as cámaras nos semáforos tan só multan ós conductores que pasan en vermello polo que aqueles que respecten a normas non deben temer ningunha sanción. De igual modo, o goberno local defende a legalidade do radar móbil xa que a lei non obriga á presenza dun axente para multar tal e como acontece nos dispositivos colocados nas estradas. Isaac Maceiras explicou que se adoptou este sistema para disuadir ós condutores que circulaban a máis do dobre da velocidade permitida no centro da vila. Con respecto ás declaracións dos nacionalistas, cualifica de moi grave que se defendan as actitudes temerarias dos conductores en lugar de posicionarse do lado da lei que castiga ós infractores, tal e como pretenden facer dende o concello.
Inicio Barbanza - Muros - Noia