O PXOM de Rianxo prevé un gran espazo público á entrada da vila

    RIANXO> O PXOM de Rianxo, actualmente en período de exposición pública, prevé a creación dun gran espazo público duns 2.500 metros cadrados, na rúa Rinlo, coa finalidade de darlle maior protagonismo e realce á entrada da vila. Unha das actuacións puntuais que aparece recollida no novo PXOM prevé retrasar os volumes dos novos edificios que se constrúan na rúa Rinlo, o que significará a creación dun gran espazo público, de aproximadamente uns 2.500 metros cadrados, que permitirá visualizar moito antes a capela da Guadalupe, dándolle máis amplitude á entrada da vila. Ata hai pouco tempo, a percepción da capela non era posible ata chegar mesmo ó cruce. Coa demolición do edificio da farmacia, a visión da capela prodúcese algúns metros antes, unha imaxe agora coa aprobación do PXOM o executivo pretende mellorar. O novo planeamento continúa no período de exposición pública e o próximo mércores seralle presentado ós empresarios no transcurso dunha reunión que se desenvolverá no concello. Segundo o propio alcalde, Adolfo Muíños, a día de hoxe, o ritmo de presentación de alegacións xa é máis frouxo. Aínda así síntense satisfeitos de cara a conseguir a máxima participación dos veciños.