Lois Rodríguez, gañador do trail de Couso

RIBEIRA> A proba, incluída na Arousa-Revolutrion Trail Series 2015, contou coa participación de preto de cen atletas. O mal tempo existente este pasado sábado non foi razón suficiente para que ó redor duns cen atletas chegados dende diferentes puntos da comarca do Barbanza e de fóra dela se achegaran ata a área recreativa de Couso para tomar parte no trail de Couso, a segunda das tres citas que compoñen a Arousa-Revolutrion Trail Series 2015, organizada pola asociación Arousa Natureza e Ocio en colaboración con outras entidades, entre as que se atopa o propio concello ribeirense. A carreira estivo dominada practicamente de principio a fin por Lois Rodríguez do Revolutrion Ribeira,. O atleta padronés, que xa se impuxera no trail de San Alberte, puxo un forte ritmo dende a saída, facéndose coa vitoria. Logrou completar o percorrido de 12 quilómetros cun tempo de 44:21. Por detrás del entraron na liña de meta a máis de dous minutos, José María Fernández do Artrogal , que foi segundo, e José Manuel Iglesias do Noitebra. En canto á categoría feminina a vencedora foi Alba Baamonde cun tempo de 53:16, seguida de María Santos e Lara Buig. A seguinte cita será o vindeiro 12 de abril, coa disputa da novena edición da carreira de campo a través do Corgo.