Lantero agarda o visto bo do Servizo Público de Emprego para botar a andar o ERE temporal

    VILAGARCÍA> Normalidade na aplicación do acordo que rematou coa folga de Lantero. Os traballadores despedidos durante o conflito xa están a recibir as cartas comunicando a súa readmisión. Ademais, a compañía presentou o pasado venres a documentación do ERE temporal ao Servizo Público de Emprego Estatal. Unha vez conten co seu visto bo, os detalles abordaranse no seo da comisión de seguimento.

     

    O acordo que puxo fin á folga en Lantero continúa o seu curso con normalidade. Nos últimos días, a cartoneira está a comunicar por carta a readmisión aos 48 traballadores que foron despedidos durante o conflito, incluído o presidente do comité de empresa, Suso López. As misivas anuncian a readmisión e a alta na seguridade social, aínda que non recollen a data na que os traballadores terán que volver aos seus postos.

    Con este paso cumprido, aínda queda saber cando comezará a aplicarse o ERE temporal que afectará á plantilla, outra parte do acordo. Segundo o presidente do comité de empresa, a documentación e a proposta de calendario para este expediente de regulación de emprego temporal xa están en mans do Servizo Público de Emprego Estatal, á espera do seu visto bo.

    Aínda quedan por determinar o calendario e as quendas que terán que cumprir os traballadores durante os 21 meses que estará vixente o ERTE; período que podería ser inferior de mellorar os resultados económicos da compañía. Estas cuestións terán que aprobarse no seo da comisión de seguimento, na que están representados tanto a empresa como o comité.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/09/lantero_reincorporacion.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/09/lantero_reincorporacion.mp4{/flowplayer}