Noia revive o entroido co colorista Rally París – Dakar

    NOIA> Despois de que o mal tempo obrigara a suspender en dúas ocasións o París – Dakar de Noia, por fin este venres se celebrou o tradicional desfile de entroido. O aprazamento das datas non desluciu o desfile caracterizado pola afluencia de público e a creatividade dos disfraces a e súa posta en escena. Malia estar xa entrados en marzo, as rúas de Noia retrocederon esta fin de semana ata o entroido máis colorista e orixinal coa celebración do París Dakar. A imaxinación caracterizou os disfraces que participaron no desfile entre os que había máis de trinta inscritos a concurso. Na categoría de grupos, o primeiro premio dotado con dous mil euros recaeu en ‘Simios na rúa’. As comparsas de Estrelas na noite e Os da caña parisinos fixéronse co segundo e terceiro posto respectivamente. No apartado de parellas os protagonistas da película de animación Toy Story fixéronse co favor do público mentres que o espectacular dragón Quimera alzouse co galardón no concurso de disfraces individuais. Houbo tamén dúas mencións especiais para as fantasías do Oeste e A Volta ó mundo en oitenta días.