BOIRO> Os doce traballadores de Foelca levan dez meses sen cobrar as nóminas. Alternativa Galega de Esquerdas denuncia que, a pesar dos impagos, a empresa recibiu máis de dez millóns de euros en subvencións públicas. Alternativa Galega de Esquerdas comparecía para denunciar publicamente a situación dos doce traballadores da empresa boirense de fontanería e calefacción, Foelca. Na actualidade, lles adebedan dez nóminas así como o importe de numerosas horas extra que nin sequera foron computadas pola empresa polo que non lle recoñece o seu dereito a cobralas. Denuncian dende a formación de esquerdas que esta empresa ten recibido subvencións millonarias por parte da administración pública sen que isto repercuta nos traballadores. Por esta razón levarán ó parlamento unha serie de propostas para que as administracións se impliquen non control do destino dos fondos públicos e no cumprimento das condicións laborais. Na actualidade, boa parte dos traballadores de Foelca atópanse de baixa. Malia que a xustiza vén de darlle a razón recoñecendo parte da débeda, séntense desprotexidos ante a actual normativa laboral que lles obriga a seguir no seu posto de traballo e non establece ningunha responsabilidade subsidiaria por parte do empresario. A única vía para arranxar a súa situación é a xudicial polo que o próximo vinte e seis de marzo volverán ter unha vista para reclamar o pago das contías adebedadas.
Inicio Barbanza - Muros - Noia









