RIBEIRA> O executivo ribeirense segue a dar pasos, esta vez a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, de cara ó traspaso ó Sergas da xestión da Unidade de Condutas Aditivas. Dende o Concello aluden a que o cambio do modelo de xerencia, que se fará efectivo o 1 de xaneiro, será beneficioso para todos.
O traspaso das competencias da UCA ó Sergas é, segundo a alcaldesa de Ribeira, un acto de xustiza que dignificará un servizo sanitario que atende a pacientes de toda a comarca do Barbanza. Ademais de garantir a prestación do servizo nas mesmas condicións, suporá un aforro para as arcas municipais.
Unha vez se faga efectivo o traspaso e a transición dos traballadores que opten por pasarse á rede galega, darase por cumprida unha vella demanda dos concellos da Barbanza, que se remonta xa ó ano 2009.
Nas próximas semanas seguiranse sucedendo os encontros de traballo coa finalidade de que culmine de maneira progresiva o cambio de xestión, sen interferir na atención ás persoas usuarias e no desenvolvemento das tarefas do persoal.











