Santiago Freire aposta pola rexeneración da Ría

    NOIA> O candidato do PP á alcaldía noiesa anunciaba esta proposta durante a presentación da súa candidatura, nun acto no que estivo arroupado polo presidente do partido en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e polo secretario provincial, Diego Calvo. Nun multitudinario acto que se desenvolveu no coliseo Noela, o PP noiés presentou ó que será o seu candidato á alcaldía para as vindeiras eleccións municipais: Santiago Freire. Aínda que o seu nome xa era coñecido, os populares quixeron celebrar un acto oficial, no que o alcaldable estivo arroupado por pesos pesados do partido, como é o caso do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo e o secretario provincial, Diego Calvo, que coa súa presenza quixeron reivindicar as grandes esperanzas que os populares teñen en poder recuperar a alcaldía noiesa despois de máis de oito anos. O acto serviu ademais para que Santiago Freire esbozara algunhas das principais liñas do seu programa de goberno. Ademais da creación de máis prazas de estacionamento próximas ó casco histórico, unha vella demanda, Freire apostou pola rexeneración da ría coa un dos seus piares fundamentais para impulsar e recuperar a economía do municipio. Durante o acto, o candidato tamén criticou a nefasta xestión levada a cabo polo tripartito nestes últimos anos, razón fundamental pola que, segundo el, se necesita un cambio. No acto tamén interviu o secretario provincial do partido, Diego Calvo, quen asegurou que Santiago Freire é a mellor opción, o alcalde que merece e necesita Noia. O acto contou tamén coa presenza destacada do presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijoo. Na súa intervención aludiu á importancia destas eleccións e presentou a proposta de Santiago Freire como un proxecto seguro e de futuro, co que Noia avanzará máis rápido e mellor. Nas próximas semanas o PP noiés ten intención de presentar ó equipo que acompañará a Santiago Freire na lista coa que a formación aspira a recuperar a alcaldía.