A Plataforma de Afectados pola Variante pide a retirada do trazado oficial

RIBEIRA> No seu lugar presentan un percorrido alternativo. Segundo din con menor afectación e máis barato. Este venres remata o prazo de presentación de alegacións ó proxecto.

Nunha comparecencia pública, a Plataforma de Afectados pola Variante de Ribeira explicou polo miúdo cales son as razóns que a levan a desbotar a proposta oficial defendida dende o Concello. Este venres remata o prazo de exposición pública e os veciños presentarán unha alegación conxunta ó proxecto baseándose nun bosquexo alternativo xa existente, realizado polo enxeñeiro Alejandro Piñeiro Lema, que resultou gañador do prestixioso premio OVISA, ó mellor traballo deste tipo para obras liñais no ano 2018.

Ademais dende a Plataforma defenden que o seu proxecto é máis barato que o que promoven Xunta e Concello, con menor número de expropiacións, ó discorrer case todo o trazado por zona rústica, e que terá tamén unha menor afectación ás zonas urbanas xa existentes.

Dende a Plataforma de Afectados sinalan tamén que o proxecto oficial reducirá o crecemento futuro de Ribeira, partindo á cidade en dúas metades. Tamén ven eivas importantes na parte técnica, xa que o trazado é deficitario en material, necesitándose máis de 160 mil metros cúbicos de terra para recheos que non se sabe de onde os quitarán, o que xerará un maior impacto ambiental.

Á par da alegación conxunta, que subscriben ó redor duns cincuenta afectados, haberá que sumar tamén as alegacións que a xeito individual presenten cada un dos propietarios afectados, algúns incluso que non forman parte da Plataforma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí