A POBRA> Preto de 500 persoas participaron este sábado na andaina contra o cancro organizada pola xunta local da Asociación Española contra o Cancro na Pobra.
Trátase da primeira iniciativa que promove a nova directiva que preside Teresa Pérez e o resultado non puido ser mellor. Entre as cotas de inscrición, a venda de material e os donativos, a entidade conseguiu recadar preto de sete mil euros que serán destinados a investigación.
O bo tempo acompañou nunha xornada caracterizada polo ambiente festivo. A saída dende a praza Segundo Durán estivo amenizada por unha batukada que animou ós asistentes a percorrer os oito quilómetros do itinerario máis longo mentres que algúns optaron polo percorrido de tres quilómetros e medio. Un ou outro, o importante era colaborar con este evento solidario.