A Garda Civil localiza o cadáver de Diana Quer

RIANXO> A Garda Civil localizou o cadáver de Diana Quer. O Chicle confesou a autoría dos feitos e levou ós axentes ó lugar onde agochou o corpo da moza. Unha antiga nave abandonada localizada en Asados, moi preto da súa casa natal e onde residen actualmente os pais. No interior dun pozo desta nave, unha antiga fábrica de mobles e tamén almacén de gasosas, a escasos metros da igrexa parroquial de Santa María de Asados foi onde os axentes da Garda Civil atopaban ó redor das cinco desta pasada madrugada os restos humanos. Á espera da realización da autopsia todo apunta a que se trata da moza madrileña, Diana Quer, desaparecida na Pobra hai ano e medio. A esa hora iniciábase o rexistro no interior da nave no que participou o propio detido, José Enrique Abuín, coñecido coma ‘O Chicle’, quen ó parecer horas antes confesara a autoría do crime. Para poder recuperar o corpo da moza foi necesaria ademais a intervención dos GEAS, o grupo especial de actividades subacuáticas da Garda Civil. Foron eles os que baixaron ó pozo e o conseguiron sacar á superficie para, unha vez autorizado o levantamento do cadáver, trasladalo ata o Instituto de Mediciña Legal de Galicia. Todo se desencadeou rapidamente trala súa detención o pasado venres despois dunha denuncia dunha moza boirense por un intento de roubo e secuestro. Os datos aportados por esta propiciaron o arresto do Chicle que xa fora investigado anteriormente pola desaparición de Diana, sendo ademais un dos principais sospeitosos. Daquela a muller proporcionáralle a coartada pola que evitou ser detido, ó declarar que pasara toda a noite na súa compaña. Algo do que desta volta se desdixo, o que levou ós axentes a volver sobre a pista. Os axentes da Unidade Central Operativa e da Policía Xudicial da Garda Civil, que se encargan da investigación, trasladáronse posteriormente á vivenda de Outeiro en Taragoña onde residía actualmente para realizar alí, na súa presenza e na da súa dona, un pequeno rexistro. Alí requisaron tamén un vehículo, un Alfa Romeo gris, propiedade da muller, empregado ó parecer o día da desaparición da moza madrileña. Unha vez realizados os rexistros, o detido foi trasladado de novo á Comandancia da Garda Civil da Coruña, onde permanecerá ata a súa posta a disposición xudicial no Xulgado de Instrucción número 3 de Ribeira, que está de garda. Todo apunta a que esa comparecencia xudicial terá lugar mañá luns 1 xaneiro, ó cumprirse 72 horas dende a súa detención. Durante todo día o lugar foi un fervedoiro de medios de comunicación e tamén curiosos que que se achegaron á zona, para observar e tamén para increpar ó detido no momento no que era introducido no furgón policial. Dezaseis meses de incertidume Dende que Diana desaparecera o 22 de agosto de 2016 na Pobra foron moitas as hipóteses sobre o que puidera ter acontecido. Co paso dos meses, as pescudas dos investigadores parecían descartar unha desaparición voluntaria e tódolos indicios apuntaban a unha retención contra a súa vontade. Esta hipótese cobrou aínda máis forza coa aparición do teléfono móbil de Diana en outubro do pasado ano preto da ponte sobre a autovía en Taragoña. Aínda que non se puido obter información relevante do teléfono, os axentes constataron que sufrira varios intentos de desbloqueo e que tentaran destruílo antes de tiralo ó mar. Sen embargo, a pesar destes avances, a falla de probas concluíntes levaron ó sobresemento provisional do caso en abril deste ano. A pesar do arquivo do caso, a Unidade Central Operativa da Garda Civil nunca deixou de investigar. Baixo a súa lupa sempre estivo El Chicle, principal sospeitoso da desaparición, do que só agardaban un novo tropezo para poder interrogalo. Tropezo que se producía o pasado día 25 cando o intento de agresión a outra moza, desta volta en Boiro, levou á súa detención., esclarecendo por fin o que pasoU con Diana Quer. O caso péchase así da forma máis triste posible, especialmente para a familia de Diana que aínda albergaba esperanzas de atopala con vida.