A mostra internacional de cinema ‘Mares da fin do mundo’ chega a Ribeira

RIBEIRA> Despois de varios anos celebrándose en Outes, a Mostra Internacional de Cinema Documental ‘Mares da Fin do Mundo’ recala en Ribeira.

Desenvolverase do 30 de outubro ó 3 de novembro no novo auditorio municipal.

Será unha mestura da cultura mariñeira e cinema.

Unha iniciativa na que o Concello leva traballando dende hai tempo, que pretende poñer en valor a relación tan especial que ten Ribeira co mar.

A estrutura do Festival será similar á de edicións anteriores.

Á par da competición oficial na que este ano participarán quince documentais chegados dende diferentes países, haberá as dúas sección habituais: Proa na que se programan filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade; e Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos.

Ademais das proxeccións desenvolveranse tamén outras actividades paralelas con obradoiros, exposicións, saídas en barco tradicional pola ría ou charlas e mesas redondas.

Todas estas actividades serán de balde e abertas ata completar a cabida.