A central de vendas do polbo trata de superar os primeiros escollos

    MUROS> Continúan as xuntanzas para a posta en marcha da central de vendas do polbo na que participan varias confrarías da comarca de Muros Noia. Polo momento, aínda non comezou a funcionar a pleno rendemento o sistema de vendas centralizada nunha soa lonxa. A pesar da boa vontade con que naceu o proxecto e as positivas consecuencias que suporía para os produtores, a central de vendas do polbo está a atopar moitas trabas no seu camiño para comezar a funcionar. Os patróns maiores das confrarías de Muros, Porto do Son e Fisterra, principais pósitos interesados no proxecto, mantiveron unha nova xuntanza para abordar a necesidade de centralizar as vendas de cefalópodo nunha soa lonxa co fin de garantir un prezo mínimo. Durante a reunión abordouse tamén a necesidade de ampliar os períodos de veda aínda que non tódolos produtores son partidarios desta medida xa que precisan das capturas de polbo para garantir uns ingresos diarios. Tralo parón da Semana santa retomaranse as reunións para darlle o empuxe definitivo ó proxecto.