Optimismo entre os rañeiros nas primeiras xornadas de traballo despois do parón

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/07/libre_marisqueo_illa.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/07/libre_marisqueo_illa.mp4{/flowplayer} 

 

A ILLA> O sector marisqueiro das Rías Baixas volveu onte ao traballo. Despois de dous meses de parón por mor da mortaldade do marisco, os rañeiros saíron faenar con resultados desiguais na comarca. Uns dos máis afortunados foron os da Illa de Arousa. Tanto onte como hoxe conseguiron coller os copos marcados, acadando uns prezos que os deixaron satisfeitos.

Ás once da mañá, os rañeiros comezaban xa a volver á lonxa de A Illa coas súas capturas. Nesta segunda xornada de volta ao traballo, ao igual que onte, conseguiron coller os copos. Por iso, o sector vai recuperando o ánimo.

Na Illa de Arousa, a volta da actividade deixou boas sensacións. Na lonxa saíron a poxa 986 kg de ameixa babosa, 320 de rubia e ao redor de 250 de fina. A pesares dos temores, tamén se comportaron os prezos: a babosa situouse nos 20 euros por kg, a fina acadou os 43, mentres que a rubia roldou os 8,65 euros.

Sobre todo, tendo en conta o parón de dous meses que arrastran os rañeiros. A actividade cesou entre o 26 de xaneiro e o 1 de abril por mor da alta mortaldade do marisco, e os mariscadores aínda non recibiron as axudas prometidas que, agardan, cheguen antes do 10 de abril.

Cambados e Vilanova tamén volveron á actividade. Na lonxa cambadesa, cumpriron os prezos, pero as capturas quedaron escasas, roldando os 300 kg. Na de Vilanova, a escaseza fai que os traballos se centren no aireado do terreo e capturar marisco pequeno para resementar noutras zonas.