O proxecto da zona verde de Pasarón convértese nun espazo ‘polivalente’

PONTEVEDRA> O concello saca a licitación a urbanización do contorno do estadio de Pasarón dez anos despois de que o proxecto recibira o visto bo do pleno . Aínda que nun principio pensárase na creación dunha zona verde, o goberno local optou finalmente por crear un espazo que combine as zonas axardinadas cun aparcadoiro e cunha rampla para mellorar o acceso á zona de Tribuna do estadio. A obra sae a licitación por un prezo de case 242 mil euros.

 

O concello retoma a urbanización do contorno do estadio de Pasarón. O proxecto xa fóra aprobado polo pleno en 2005, pero as expropiacións non se realizaron ata o 2012. Na actualidade, o espazo emprégase como un aparcadoiro disuasorio.

Os traballos dividiranse en tres partes. Na zona máis próxima ao estadio, habilitarase unha plataforma de formigón cunha rampla de acceso dende a rúa Luis Otero. O centro da parcela destinarase a aparcadoiro, que será de uso libre os días que non haxa partido. Finalmente, ao redor de 1.200 metros cadrados da parcela acollerán a zona verde, delimitada por unha senda peonil.

A obra sae a licitación por un prezo de 241.823 euros para urbanizar unha parcela de case 3.500 metros cadrados. Segundo o protocolo asinado no pasado mes de febreiro, a actuación estará financiada a medias pola Deputación.

Entre as melloras que a empresa pode incluír para conseguir a adxudicación, figura o acondicionamento do camiño que une a Avenida da Coruña e a igrexa de Santiaguiño do Brugo pola parte traseira da grada Sur de Pasarón. A intención do concello é habilitala como senda peonil.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/08/zona_verde_pasaron.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/08/zona_verde_pasaron.mp4{/flowplayer}