Bota a andar o plan de reequilibrio territorial da Deputación de Pontevedra

PONTEVEDRA > Bota a andar o plan de reequilibrio territorial impulsado pola Deputación de Pontevedra. Esta mañá, a presidenta provincial reuniuse con rexedores e concelleiros dos muninicipios que se van beneficiar destes fondos, coa intención de resolver as súas dúbidas e informar sobre os pasos que deben seguir para non perder a subvención. Entre as condicións, uns prazos de cumprimento moi claros: o procedemento de licitación ten que estar iniciado antes do 30 de xuño de 2018 e as obras rematadas, a máis tardar, o 30 de xuño de 2019. En total, o ente provincial destinará unha partida de 15 millóns de euros en subvencións a 25 concellos de menos de 20.000 habitantes para que poidan impulsar proxectos singulares no seu termo municipal. A presidenta provincial entende que os fondos foron repartidos con obxectividade e que dan resposta a unha falta de equilibrio entre os concellos polas que cualificou de “políticas arbitrarias do pasado”. Este plan de reequilibrio territorial permitirá dar resposta a proxectos deportivos, sociais culturais e de ocio. No Grove, por exemplo, destinarán os cartos á financiar parte da construción do seu auditorio. Na illa de Arousa, mentres, van recuperar tres antigas vivendas modernistas e unha salazón para destinalas a usos socioculturais. Segundo os cálculos da Deputación, os convenios cos 25 concellos deberían quedar asinados antes de que remate o ano.