José Luis Abet, culpable por unanimidade do triplo crime de Valga

PONTEVEDRA> José Luis Abet, culpable do triplo crime de Valga. Por unanimidade, o xurado popular declarouno culpable dos tres asasinatos das súas exmuller, exsogra e excuñada, o 16 de setembro de 2019. Tamén o sinalan como o responsable das lesións psíquicas causadas aos menores. Tras escoitar o veredicto, as partes reclaman para el a prisión permanente revisable.

Tras seis horas de deliberación e pasadas as 11 da noite, na Audiencia Provincial de Pontevedra o xurado lía o seu veredicto sobre o triplo crime de Valga. Consideran probado por unanimidade que José Luis Abet matou ás súas exmuller, exsogra e excuñada o 16 de setembro de 2019 de xeito intencionado.

Fíxoo, ademais, sen que ningunha das tres tivera opción de fuxir ou de defenderse. Tamén entenden que o fixo cun profundo desprezo polas tres e con sentimento de superioridade pola condición feminina das vítimas.

Ademais, os membros do xurado viron responsabilidade clara de José Luis Abet nas lesións psíquicas causadas aos seus fillos, que presenciaron o triplo crime. E desbotaron a posibilidade de que o autor confeso actuara coas súas facultades mentais alteradas ou nun estado de arrebato e obcecación.

Abet tamén foi considerado culpable dun delito de tenza ilícita de armas.

Tras escoitar o veredicto, a fiscalía e as acusacións particular e popular solicitaron para el a prisión permanente revisable.

O xuízo, que se celebrou a porta pechada para protexer aos menores, quedou visto para sentenza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí