Santa Clara será o sétimo edificio do Museo de Pontevedra

PONTEVEDRA> Santa Clara converterase no sétimo edificio do Museo de Pontevedra. O convento pasa oficialmente á Deputación de Pontevedra, garantindo que os xardíns van quedar abertos á cidadanía. O Concello e a administración provincial terán que asinar un convenio de cesión. Nese momento, a Deputación convocará un concurso internacional de ideas para a súa rehabilitación. Fan un chamamento á Xunta e ao Goberno Central a que apoien económicamente a súa recuperación.

Con estas palabras, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra despexaba o futuro de Santa Clara. O convento converterase no sétimo edificio do Museo de Pontevedra, co obxectivo de albergar fondos que nestes momentos non son accesibles ao público. A decisión tómase logo de que os estudos sobre a construción determinasen que é viable incorporalo ao complexo museístico.

O concello de Pontevedra e a Deputación van asinar agora un convenio de cesión, polo que Santa Clara para a ser de titularidade provincial. O alcalde, que celebra a rapidez coa que se está xestionando un proceso tan complexo, non agochaba hoxe a súa satisfacción.

A determinación da Deputación é que Santa Clara non volva estar de costas a Pontevedra nunca máis. Ademais de abri-los seus xardíns á cidadanía, a presidenta provincial comprometeuse a seguir contando co Concello.

Unha vez se materialice o convenio de cesión entre o Concello e a Deputación, a administración provincial lanzará un concurso internacional de ideas para a rehabilitación do conxunto.

E coa vista posta xa na rehabilitación de Santa Clara, Concello e Deputación fan un chamamento á Xunta e ao Goberno central a que participen economicamente nun proxecto tan ambicioso como é a conversión dun convento do século XIV nun museo do século XXI.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí