O TSXG non rebaixa a pena ó extesoureiro de Lousame

LOUSAME> O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou a rebaixa da pena ó extesoureiro do Concello acusado de malversación de fondos públicos. O Alto Tribunal non tivo en conta  a atenuante de confesión do imputado, ó entender que a fixo cando xa non existía posibilidade de ocultar a infracción.

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de rexeitar o recurso de apelación interposto polo extesoureiro do concello de Lousame que fora condenado pola Audiencia Provincial a dous anos e nove meses de prisión e a inhabilitación absoluta durante oito anos por cometer un delito de malversación de fondos públicos. Ademais, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, a Audiencia impúxolle o aboamento dunha indemnización de máis de 154 mil euros. Os outros dous acusados, a súa muller e o que era administrador dunha empresa á que o sentenciado desviou fondos, foron absoltos dos delitos de malversación de fondos públicos que lles imputaban. A sentenza de primeira instancia considera acreditado que o condenado, entre os anos 2010 e 2012, aproveitou o acceso que tiña ás contas bancarias da Administración Local para desviar cartos en numerosas ocasións e utilizando diferentes técnicas. Desta forma, conseguiu apoderarse de máis de 290 mil euros. De nada lle serviu ó imputado a solicitude no seu recurso ante o TSXG de que se tivese en conta a súa colaboración para o esclarecemento completo dos feitos, xa que o Tribunal rexeitou as súas alegacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí