O concello ribeirense renuncia á xestión da nova lonxa

    RIBEIRA> O punto, que se debatiu no pleno, saíu adiante co respaldo de tódalas forzas políticas con representación municipal, a excepción do BNG, que decidiu absterse. A proposta levada ó pleno polo equipo de goberno respondía a un mero trámite administrativo necesario de cara a proceder á adxudicación da xestión da futura lonxa que se constrúe na zona portuaria. O concello, encargado da xestión da actual rula, debe renunciar a ela, para que a consellería de Medio Rural e do Mar, a través de Portos de Galicia, poida sacar novamente a concurso a súa explotación. Aínda así, namentres non se produza este proceso administrativo, o concello seguirá asumindo o control da mesma. Dáse a circunstancia de que Ribeira é o único porto da nosa comunidade no que a xestión desta infraestrutura é municipal. Dende a Administración Local apuntan a que vai resultar practicamente imposible que algunha empresa se interese pola explotación da nova lonxa. Aínda así, e chegado o seu momento, no caso de quedar deserto o concurso, o concello deberá dilucidar novamente se asume a xestión directa ou non da nova infraestrutura. Un trámite que xa non lle correspondería a actual corporación.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí