Mi Manda Picone faise coa cuarta edición do concurso ‘+ Que Tapas’

BOIRO> O restaurante do Club Barbanza Golf e A Recoveira obtiveron o segundo e o terceiro premio deste concurso gastronómico organizado pola Mancomunidade Arousa Norte.

O concurso gastronómico ‘+ que Tapas’ desenvolveuse as fins de semana do 22 de novembro ó 9 de decembro coa participación duns 16 locais hostaleiros da comarca. Unha cifra que dende Arousa Norte, entidade promotora desta iniciativa, pretenden incrementar de cara a vindeiras edicións.

Das valoracións recibidas, nas que se puntuaba tanto a presentación como o produto empregado, e despois de realizar o correspondente reconto, resultou gañador o local Mi Manda Picone, da Pobra, cunha tapa realizada a a base de navallas confitadas con sfoglia crocanti e pesto de nabizas sobre escuma de boniato e mexillóns. Por detrás del quedou o restaurante do Barbanza Golf, de Macenda, en Boiro, que ofreceu ós seus clientes un roliño de polo con salsa de froita de ameixa sobre puré de patacas e boletos. En terceiro lugar A Recoveira, de Ribeira, que realizou unha tapa de hamburguesa de boletos e castaña con cachelos e salsa de viño mencía.

Os tres locais hostaleiros recibiron de mans dos responsables da Mancomunidade os seus respectivos premios. Tres cheques de 500, 300 e 200 euros. O gañador desta edición tivo ademais un xesto solidario e optou por doar integramente o seu premio en metálico á xunta local da Asociación Española Contra o Cancro da Pobra.

Dende Arousa Norte valoraron valoraron de xeito positivo esta iniciativa, destacando a boa acollida un ano máis do concurso, que como novidade nesta edición tivo tamén música en directo e pasarrúas  durante as fins de semana nas que se desenvolveu o concurso.