Os Bolechas percorren os recunchos máis singulares de Muros

    MUROS> Os escolares de infantil e primaria de Muros viviron unha gran festa coa visita dos Bolechas. No acto presentouse a segunda edición do percorrido destes personaxes pola vila muradá, publicación grazas á cal os pequenos poden achegarse máis de preto á cultura e tradicións do seu pobo. Os Bolechas fixeron a súa aparición estelar nun pavillón ateigado de rapaces ávidos por coñecer ós personaxes infantís máis famosos da literatura galega. Non era a primeira vez que Os Bolechas acudían a Muros onde xa presentaran a primeira edición do libro. Hoxe repartiron entre os cativos os exemplares da segunda tirada de ‘Os Bolechas visitan Muros’, unha publicación cun marcado carácter divulgativo para que os pequenos coñezan palmo a palmo as singularidades so seu concello. Ademais de visitas as distintas parroquias e lugares emblemáticos do concello, como Monte Louro, os Bolechas percorren a vila muradá a bordo de embarcacións tradicionais e participan nos actos máis destacados da vila como a Feira Mariñeira ou as carrilanas de Esteiro. A alcaldesa foi a encargada de presentar o acto xunto co ilustrador das publicacións, Pepe Carreiro, que impartiu ademais unha clase práctica como debuxante.